Fecha de subida 6 de febrero de 2015

Vista 2534 veces, descargada 0 veces

Presentamos un percorrido polas tumbas dos máis sobranceiros literatos e artistas enterrados no histórico cemiterio de San Fancisco, construído nas primeiras décadas do século XIX como primeiro camposanto moderno da cidade. Autores como Valentín Lamas Carvajal, Otero Pedrayo, Eduardo Blanco Amor ou José Ángel Valente encontrase acompañados por ducias de amigos do primeiro nivel da cultura e historia de Ourense, nunha senlleira paisaxe, ao pé do Montealegre e ao carón do vello claustro gótico de San Francico.
  • Foto de Olga Gallego
  • Foto de Olga Gallego
Olga Gallego Domínguez (1923-2010), investigadora e arquiveira, foi directora do Arquivo Histórico Provincial de Ourense ata a súa xubilación e membro da Real Academia de la Historia e da Real Academia Galega, a primeira académica de número. Naceu e viviu sempre na cidade ourensá á que lle dedicou a maior parte do seu labor investigador. Foi responsable do Arquivo da Delegación de Facenda de Ourense e colaborou coa Fundación Penzol, coa Fundación Otero Pedrayo e, sobre todo, co Grupo Marcelo Macías de Colaboradores do Museo e Arquivo Provinciais, fundado polo seu amigo Ferro Couselo, e do que foi Presidenta ata a súa morte. (Esta supultura, en realidade está na outra banda do cemiterio, dúas máis arriba da de Emilio Amor, pero non sei cambiar a bandeiriña de sitio, Desculpen)
  • Foto de Antón Tovar
  • Foto de Antón Tovar
  • Foto de Antón Tovar
  • Foto de Antón Tovar
Antón Tovar Bobillo, nado na Pereira, Rairiz de Veiga, en 1921 e falecido en Ourense o 16 de xuño de 2004, foi un poeta galego, de expresión castelá nos seus comezos e galega despois, moi marcado por unha angustia existencial de raíz relixiosa –foi novizo, pero non chegou a profesar- que tinxirá a súa poesía dunha forma radical. Viviu e traballou en Ourense, primeiro de funcionario de facenda e despois nunha libraría, ata a fin dos seus días. A súa militancia comunista foi un dos eixos da súa vida.
  • Foto de Xosé Ramón Fernandez Oxea
  • Foto de Xosé Ramón Fernandez Oxea
  • Foto de Xosé Ramón Fernandez Oxea
  • Foto de Xosé Ramón Fernandez Oxea
Xosé Ramón Fernández-Oxea, naceu en Ourense en 1896 e finou en Madrid o 2 de maio de 1988. Foi un mestre, escritor e investigador galego, que usou sobre todo o pseudónimo de Ben-Cho-Shey. Epígono da xeración Nós, os seus traballos centráronse sobre todo no mundo da etnografía -foi o máximo estudoso do "barallete" a xerga gremial dos afiadores, e recuperador da festa dos Maios en Ourense- e na arqueoloxía. A súa vida profesional transcorreu, sobre todo, en Madrid, despois do seu desterro por causa da Guerra Civil a Extremadura primeiro e logo á capital de España. Durante os anos cincuenta, serviu de enlace coas xeracións máis novas -Grupo Brais Pinto, en Madrid-, como correspondente da BBC de Londres, nas súas emisións en galego, e como "embaixador" da cultura galega para as xestións burocráticas en Madrid, onde a súa posición de Inspector do Ministerio de Educación, lle facilitaba algunhas xestións.
  • Foto de Marcelo Macías, Manuel Martínez Risco
  • Foto de Marcelo Macías, Manuel Martínez Risco
  • Foto de Marcelo Macías, Manuel Martínez Risco
  • Foto de Marcelo Macías, Manuel Martínez Risco
Manuel Martínez Risco y Macías (Ourense, 1888 - París, 1954) fue un científico y político ourensán.Sobriño de Marcelo Macía, curmán de Vicente Risco e irmán de Sebastián, o que sería presidente da Real Academia Galega, foi un científico especializado en física e óptica, e deputado de Izquierda Republicana, que se exiliou en Francia -onde traballou no CNRS- despois da Guerra Civil, ao ter que abandonar a súa Cátedra de Física da Universidade Coplutense de Madrid. Polo altísimo nivel das súas investigacións, foi proposto incluso para o Premio Nóbel. Marcelo Macías, foi un lonxevo crego, profesor e historiador nado en Astorga en 1843 e morto en Ourense en 1941 que exerceu unha importacia decisiva no Instituo de Ourense, onde daba clases de Retórica e Poética e impulsou o Ateneo da cidade, a Asociación da Prensa de Orense e a Comisión Provincial de Monumentos e do seu Boletín. Otero Pedrayo sempre o sitúa como o referente formativo básico das xentes da súa xeración. A súa irmá veu canda el de Astorga a Ourense, onde empataron coa familia Martínez Risco e deixaron numerosa prole.
  • Foto de Manuel Prego de Oliver e Gómez del Valle
  • Foto de Manuel Prego de Oliver e Gómez del Valle
  • Foto de Manuel Prego de Oliver e Gómez del Valle
  • Foto de Manuel Prego de Oliver e Gómez del Valle
  • Foto de Manuel Prego de Oliver e Gómez del Valle
Manuel Prego de Oliver (Ourense, 1915-1986) foi un pintor naturalista ourensán, mestre de orixe pero pola súa destitución do corpo de mestres nacionais como causa da Guerra Civil, entregouse en corpo e alma á súa outra paixón, a pintura, ata convertela no seu medio de vida. Foi un dos asiduos dos históricos faladoiros ourensáns e moitos dos participantes aparecen nos seus retratos xunto a outros personaxes coñecidos (Castelao, Risco, Ferro Couselo, Cuevillas, Arturo Baltar, García Sabell, Torrente ou Paz Andrade, entre outros). Manuel Gómez del Valle, Ricardo Gómez del Valle, mestres, e a súa nai, María del Valle, foron tres mortos, vítimas da represión da guerra civil en Ourense.
  • Foto de Ramón Parada Justel
  • Foto de Ramón Parada Justel
  • Foto de Ramón Parada Justel
  • Foto de Ramón Parada Justel
  • Foto de Ramón Parada Justel
  • Foto de Ramón Parada Justel
Ramón Parada Justel, nado en Esgos o 19 de marzo de 1871 e finado en Ourense o 13 de maio de 1902, foi un pintor galego, pertencente á chamada xeración Doente. Estudou o Bacharelato no Instituto da capital provincial entre 1883 e 1888, para ingresar a continuación na Real Academia de San Fernando en Madrid, co número un. O proveito nos estudos artísticos fixo que a Deputación ourensá o pensionase en Roma, cidade á que chegou en 1894. Regresou a Ourense, con estancias en Esgos, dedicándose á pintura paisaxística, vida campesiña e costumes, ademais de pintura histórica e relixiosa dentro das correntes da época. Diversos organismos provinciais, como a Deputación ou o Goberno Civil adquiren obras súas. Regresou a Madrid en 1897. A enfermidade comezouno a minar en 1901, falecendo ao ano seguinte. A súa irmá cedeu moitas das súas obras ao Museo Provincial. A súa morte de tuberculose no 1902 con tan só 31 anos de idade, fixo que máis tarde Barreiro e Felipe Bello Piñeiro o encadrasen dentro da xeración Doente na que se integrarían tamén Ovidio Murguía, Jenaro Carrero e Joaquín Vaamonde, todos mortos ao redor dos trinta anos no tránsito de século.
  • Foto de Ricardo e Alejandreo Outeiriño Rodriguez
  • Foto de Ricardo e Alejandreo Outeiriño Rodriguez
Tumba familiar dos Outeiriño. Aquí, no medio das súas numerosa familia, xacen Ricardo Outeiriño Rodríguez (1904-1981) e Alejandro Outeiriño Rodríguez (1906-1996) impulsores do xornal La Región. Ricardo Outeiriño foi encargado polo bispado da dirección do xornal en 1931 e un par de anos máis tarde compraron el e o seu irmán Alejandro o xornal. Dirixiuno ata 1963. Tamén foi Ricardo o director de El Heraldo Gallego, órgano oficioso dos galeguistas ourensáns que saíu os luns ata 1936. Ricardo era galeguista, conservador, moi católico e conseguiron atraer ás páxinas de La Región do mellor da intelectualidade ourensá. Así, podemos topar nos anos de corenta a sesenta páxinas con textos de Vicente Risco, Otero Pedrayo ou Florentino Cuevillas, amigos da familia Outeriño. Ao redor do xornal La Región e dos seus xornalistas, móvese unha parte importantísima da intelectualidade galega da época, con iniciativas como as revistas Misión, Posío Artes e Letras, ou as tertulias literarias da Peña dos Sabios. A partir dos anos sesenta, Alejandro, cómpralle a súa parte ao irmán e promove a modernización do xornal, lanzando tamén, a edición internacional de La Region desde 1966, e promovendo unha librería.
  • Foto de Emilio Amor
  • Foto de Emilio Amor
Emilio Amor Rolán, naceu en Ourense e morreu na mesma cidade o 19 de maio de 1937, foi un avogado, xornalista e político galego. Foi catedrático e Director da Escola Normal de Ourense. Na ditadura de Primo de Rivera foi deputado provincial e Gobernador civil de Huesca (1924-1927) e Murcia (1927-1929). Colaborou en Heraldo Orensano. Casou con Obdulia Vázquez García, de Maside. O 6 de setembro de 1924 recibiu unha homenaxe en Maside. Fixo o epílgo do libro "Del Orense antiguo" de Adrio Menéndez.
  • Foto de Manuel Peña Rey
  • Foto de Manuel Peña Rey
Manuel Peña Rey, nado en Cotobade en 1899 e finado en Ourense en 1957, foi un médico e político galego. Médico xinecólogo discípulo estableceuse en Ourense en 1918. Na II República foi director do Hospital Provincial (1931-1934) e presidente do Colexio de Médicos. Militante galeguista, fixo campaña pola Fronte Popular nas eleccións de 1936. Volveu ser director do Hospital Provincial en 1936. Foi destituído en agosto de 1936 e tardou máis de 8 años en ser rehabilitado.
  • Foto de Xavier Prado 'Lameiro'
  • Foto de Xavier Prado 'Lameiro'
  • Foto de Xavier Prado 'Lameiro'
  • Foto de Xavier Prado 'Lameiro'
Javier David Leoncio Prado Rodríguez e máis coñecido polo seu alcume Xavier Prado "Lameiro", nado en Ourense o 12 de setembro de 1874 e finado na mesma cidade o 26 de decembro de 1942, foi un veterinario, autor teatral e poeta, ademais de destacado protagonista do rexionalismo galego de principios do século XX, dentro das Irmandades da Fala. Colaborador e seguidor do estilo de Lamas Carvajal, intentou recuperar a publicación O Tio Marcos d'a Portela, en 1917, aínda que desapareceu finalmente en 1919. A súa obra é costumista, humorística, irónica e ruralista. Sabe reflictir perfectamente os modos e comportamentos dos campesiños, de modo que semella que transcribira unha gravación dos diálogos e pullas que se dan todos os días no mundo rural galego. Foi autor popular con grandísimo éxito entre as xentes do seu tempo. Escribou "A carón do _Lume", 1918, "Cóxegas e moxetes", 1928, etc. Participou na fundación da Coral de Ruada en 1919, e morreu en medio do cariño popular en 1942.
  • Foto de Xoaquín e Xurxo Lorenzo
  • Foto de Xoaquín e Xurxo Lorenzo
  • Foto de Xoaquín e Xurxo Lorenzo
  • Foto de Xoaquín e Xurxo Lorenzo
  • Foto de Xoaquín e Xurxo Lorenzo
Xoaquín Lorenzo (1907-1979), etnógrafo e profesor, foi un dos epígonos da xeración Nós que máis se distinguiu ao longo dos seus últimos anos, na promoción da memoria das seus mestres Otero, Risco e Cuevillas, e no enlace coas novas xeracións de arqueólogos e antropológos. Participou moi activamente na fundación do Museo do Pobo Galego, e estivo intimamente relacionado con Lobeira. Seu irmán Xurxo morreu aos vinte e catro anos en 1934 e era un destacado lider dos movementos galeguistas de mocidade. Seu pai, "Tabarra" foi un excelente debuxante e caricaturista envorcado na educación dos seus fillos. (Fotos, Xoaquín Lorenzo, Xurxo e Xoaquín coa nai, e enterro de Xurxo Lourenzo).
  • Foto de Alberto Vilanova
  • Foto de Alberto Vilanova
  • Foto de Alberto Vilanova
Alberto Vilanova Rodríguez (Ourense, 1910, Ourense 1985). Ensaísta e profesor de Historia, cursou o bacharelato e Maxisterio en Ourense e fixo despois as carreiras de Dereito e Filosofía e Letras en Madrid e Valladolid. Dende moi novo militou no republicanismo de esquerda, e colaborou en xornais como La Zarpa e o Heraldo de Galicia. O inicio da Guerra Civil impediulle utilizar unha pensión da Junta de Ampliación de Estudios para traballar co profesor da Universidade suíza de Friburgo, conde Gonzague de Reynold. Nos días da Guerra Civil estivo preso no mosteiro de Oseira e, finalizada esta, sobreviviu como profesor en colexios privados de Chantada e Ourense (Estudios Galicia, de Albino Núñez), ao tempo que colabora na revista Posío. En 1951, cando se cumpre o primeiro centenario do nacemento de Curros Enríquez, o Centro Gallego de Bos Aires organiza un concurso sobre o autor de Celanova, que gaña Alberto Vilanova co estudo Vida y obra de Manuel Curros Enríquez, publicado en Bos Aires en 1953. Invitado polo Centro Orensano a dar unhas conferencias, viaxa a América en 1954 e abre así a súa etapa americana ata o seu regreso en 1982. Asinou así mesmo múltiples traballos eruditos e de investigación como "La galleguidad del Padre Feijóo" (1965), "Giner, la Institución y los gallegos" (1965) e achegas sobre a presenza de Unamuno en Galicia ou a Historia de Galicia de Murguía, entre centos e centos de artigos. Colaborou en múltiples medios da emigración como Galicia Emigrante, Vieiros, El Diario Español de Montevideo, Aquí Galicia (Rosario, Arxentina), etc. En Arxentina desenvolve o seu labor docente entre o Centro Lucense, en varias universidades (La Plata, Nordeste...) e sobre todo, na de Bahía Blanca. Publica en 1966 o seu monumental traballo Los gallegos en la Argentina e é homenaxeado en 1967 en Bos Aires. Foi o responsable tamén das clases de historia na audición "Galicia Emigrante" impulsada por Luís Seoane. Nos seus últimos anos fixo innumerables colaboracións, a maioría sen asinar para os diferentes tomos da Gran Enciclopedia Gallega, e deixa inéditos un libro de Efemérides Galegas e documentación para un volume de Estampas da Guerra Civil. Volve a Ourense en 1982 e aquí reside ata a súa morte, o 13 de maio de 1985. A súa biblioteca persoal, máis de sete mil volumes e centos de carpetiñas con recortes de prensa, consérvase hoxe na Biblioteca da Deputación Provincial de Ourense.
  • Foto de Daniel Vázquez Gulías
  • Foto de Daniel Vázquez Gulías
  • Foto de Daniel Vázquez Gulías
  • Foto de Daniel Vázquez Gulías
  • Foto de Daniel Vázquez Gulías
Daniel Vázquez-Gulías Martínez naceu en Beariz (Ourense) en agosto de 1869. Estudou arquitectura en Madrid, onde rematou a carreira en 1897. Sendo á penas estudante, presentou un brillante proxecto ao concurso internacional para a edificación do Hotel Balneario da Toxa, cuxa selección lle valeu un notorio recoñecemento, incluso de carácter internacional. Un ano despois de pórlle cima aos seus estudos volve a Ourense onde sustituira ao arquitecto municipal. Nesta idade desenvolverá a maioría da súa produción, en edificios como o lembrado Hotel Roma, a casa Junquera (actual sede de Abanca da Av. de Pontevedra). Chegaría a ser tamén arquitecto diocesano e de Facenda da cidade, así como de Facenda en A Coruña, ciudad na que falecerá en febreiro de 1937.Moitos dos pantóns monumentais deste ceminterio, son obra de Vázquez Gulias.
  • Foto de Pobre Asunción !
  • Foto de Pobre Asunción !
Asunción González tivo unha morte desgraciada. Foi a primeira vitima da violencia de xénero de que haxa noticia en Ourense, en época contemporánea. Un antigo pretendente, abafado pola ira e os ciúmes ao ver a Asunción acompañada, ferroulle un tiro. Corría o Venres Santo do ano 1891. Asunción atopábase na Praza Maior en compaña do seu novo noivo cando foi atinxida por un tiro mortal entrementres o ex berraba "Si no eres para mi, no eres para nadie". O asasino foi detido e estivo en prisión. Un crime paixonal que tería fonda pegada na memoria colectiva de Ourense e que sería recollido nun dos relatos de Alvaro Cunqueiro. Descansan os seus restos no Cemiterio de San Francisco e na súa lápida pode lerse "Pobre Asunción! Viernes Santo 91". Deseñou o epitafio e o monumento funerario Juan Xesta que fora outro noivo de Asunción pero que cando aconteceu o terribe suceso xa non estaban saíndo. Na actualidade Asunción sempre ten flores na súa tumba.
  • Foto de Eduardo Blanco Amor
  • Foto de Eduardo Blanco Amor
  • Foto de Eduardo Blanco Amor
  • Foto de Eduardo Blanco Amor
  • Foto de Eduardo Blanco Amor
  • Foto de Eduardo Blanco Amor
Eduardo Blanco Amor, (Ourense 1897-Vigo 1979) escritor ourensán en lingua galega e castelá. Poeta antes da guerra civil, é lembrado sobre todo polas súas novelas "A Esmorga", 1959; Xente ao lonxe, 1972; e polos relatos de protagonista infantil, "Os biosbardos", 1962. Autodidacta, xornalista de vocación, viviu en Arxentina entre 1919 e 1965, onde traballou moi activamente no seo da colectividade galega, dirixindo xornais, revistas e grupos de teatro e colaborando na prestixiosa prensa local, como en La Nación de Buenos Aires. Viaxeiro impetintente, tamén viviu temporadas en Chile, Uruguai e Venezuela. Á súa volta a Galicia, 1965 colaborou moi activamente coa prensa e tivo mellores lazos coa xente moza que cos galeguistas ourensáns do seu tempo, xente moi conservadora que non acababa de ver con bos ollos a liberdade de pensamento e vida de Eduardo. (Nas fotos, homenaxe anual e enterro de EBA, entre outras).
  • Foto de Jesús Soria
  • Foto de Jesús Soria
  • Foto de Jesús Soria
Jesús Soria González, primoxénito do pintor Policarpo, naceu en Avilés o 15 de abril de 1881. Recibiu clases de pintura e de música de seu pai, estudos que completou máis tarde na Escola Superior de Arte e na Academia de Bel¡las Artes de San Fernando en Madrid. En 1906 obtivo a cátedra de Debuxo do Instituto de Orense, cidad na que residiu o resto dos seus días, e onde ademais do seu labor profesional, pintou e foi organista da parroquia de Santa Eufemia. En 1924 reciviu o nomeamento de membro correspondente da Real Academia de Belas Ares. Faleceu en Ourense o Ourense o 19 de xaneiro de 1959.
  • Foto de Gustavo Santiago Valencia
  • Foto de Gustavo Santiago Valencia
(1924-2008) Enxeñeiro ourensán que presidiu máis de vinte e cinco anos o colectivo cultural "Pedrón de Ouro". Entrou outras iniciativas, participou nas directivas do Museo do Pobo Galego, do Patronato Rosalía de Castro, e das fundacións Alexandre Bóveda e Castelao. Profesionalmente dedicou esfuerzos á electrificación rural e exerceu a súa profesión en Santiago.
  • Foto de Primitivo Rodríguez Sanjurjo
  • Foto de Primitivo Rodríguez Sanjurjo
  • Foto de Primitivo Rodríguez Sanjurjo
Primitivo Rodríguez Sajurjo (Ourense 1880-Lugo 1947) é xeógrafo, escritor, profesor e académico, introdutor do orientalismo e esoterismo en Ourense, impulsor da revista La Centuria, e amigo dos galeguistas ourensáns da Xeración Nós -escéptico, porén, co galeguismo- impartiu docencia entre 1920 e 1926 en universidades norteamerícanas e é autor do poemario "Las mesetas Ideales", 1910, e das prosas fantásticas e mitolóxicas de "Escenas de gigantomaquía", 1923. Morto e enterrado en Lugo, os seus restos serán trasladados a Ourense, coincidindo co peche do cemiterio vello de Lugo, en 1959.
  • Foto de Leuter González Salgado
  • Foto de Leuter González Salgado
Eleuterio González Salgado, máis coñecido como Leuter, naceu en Ourense o 18 de abril de 1899 e finou na mesma cidade o 29 de marzo de 1977, foi un mestre e destacado galeguista. Participou no Seminario de Estudos Galegos, na sección de prehistoria, e no galeguismo político ourensán. Foi o primeiro concelleiro galeguista na cidade das Burgas (1931) e deputado provincial. Como deputado provincial foi membro activo do Comité pro-ferrocarril Zamora-A Coruña e cofundador da Caixa de Aforros de Ourense (1933) e presidente da Cruz Vermella. Participou na creación da Editorial Galaxia e na fundación do Partido Socialista Galego (PSG). Foi membro da redacción da revista Nós, e colaborador en A Nosa Terra, La Zarpa e Heraldo de Galicia, entre outras publicacións, así como elaboración e recompilación de materiais doutros autores e propios para as emisións en galego da BBC de Londres, entre 1947 e 1956. (O retrato é de Cristina Nuevo, e na colectiva, Leuter é o cuarto pola esquerda, de pé, na homenaxe a Alvaro Cunqueiro, Emilia Docet e Luís Acuña, Ourense, nos inicios dos trinta en Ourense).
  • Foto de Ramón Otero Pedrayo
  • Foto de Ramón Otero Pedrayo
  • Foto de Ramón Otero Pedrayo
  • Foto de Ramón Otero Pedrayo
  • Foto de Ramón Otero Pedrayo
Ramón Otero Pedrayo naceu en Ourense o 5 de marzo de 1888. Fillo de Dona Eladia Pedrayo con quen estaría especialmente unido ó longo da súa vida- e de Don Enrique Otero, médico que exerceu xenerosamente a súa profesión desde o Pazo de Trasalba, nos Chaos de Amoeiro. O neno Ramón Otero criouse no seo dunha familia culta e liberal. Seu pai fora defensor de Curros fronte ás inquinas da reacción conservadora local e a súa casa sobre todo a de Ourense, na Rúa da Paz- era centro de tertulias polo que pasaron a Pardo Bazán e outras destacadas figuras da intelectualidade galega do solpor do XIX. Otero naceu nunha rúa que era daquela o centro do paseo dos señores na cidade e ó lado do Teatro Principal, núcleo da actividade cultural dunha cidade de forte fasquía rural que contaba daquela cuns doce mil habitantes. Na súa mesma casa, no primeiro, naceu e criouse o neno Vicente Martínez-Risco e Agüero. A súa amizade e mútua influencia intelectual será permanente ó longo da vida dos dous máis destacados membros da Xeración Nós. Ramón cursa o bacharelato no Instituto de Ourense que hoxe leva o seu nome no Xardín do Posío- e trala ceda morte de seu pai pasa a Santiago para segui-los estudios de Filosofía e Letras que ha rematar en Madrid. Na capital española, onde el acudira devecente de acadar unha definición e formación intelectual conforme ós tempos, le tan intensa como asistemáticamente obras de xeografía, historia, filosofía e literatura. As lecturas literarias que máis o cobizan son as de Baudelaire, Verlaine, Balzac, Stendhal e Chateubriand. Esta etapa de tanteos e indecións sobre o futuro intelectual e o seu compromiso co mundo exterior sería maxistralmente recreada na súa novela "Arredor de si". De volta en Ourense en 1911 intégrase non grupos dos "inadaptados" no que participan Vicente Risco e Florentino Cuevillas. Os tres, amigos desde moi noviños, habían seguir evolucións intelectuais semellantes, traballando en empresas colectivas como o Ateneo ou a revista La Centuria e pasando dun acentuado individualismo antisocial a un compromiso galeguista na súa etapa de madurez. Sen embargo tamén se poden recoñecer matices importantes nesta evolución. O que para Risco fora unha reviravolta intelectual, fora para Otero unha descuberta case dolorosa. Risco achégase desde o problema da esencia dunha cultura devecente e Otero desde o solpor dun sistema social que se descompón. Castelao e outras persoas que coinciden xeracionalmente co grupo Ourensán ó que cinguimos en purirdade o nome de Nós- hase achegar ó galeguismo desde a descuberta dos problemas sociais que conleva a ausencia dun poder especificamente galego para a resolución dos problemas que trae consigo a nova sociedade que se espalla cos ventos do século XX. A evolución desde este esteticismo evasivo dos anos mozos deste grupo xeracional ten na amizade de Antón Lousada Diéguez o seu desencadeante principal. Lousada, señorito con Pazo en Moldes, Carballiño, intelectual, conservador e católico, descúbrelle-la posibilidade de comprosimo co país a través da actividade inicial das Irmandades da Fala. No seu seo avoga Otero por un compromiso de corte culturalista. Coñecedor da febleza organizativa e escasa penetración social dos inicios do movemento, desconfía da súa entrada na area política. Incorpórase de inmediato ás actividades do Seminario de Estudios Galegos en 1923. Coa chegada da II República consegue acta de deputado por Ourense por un coxuntural Partido Nacionalista Republicano que axiña se ha integrar, xunto con outras forzas locais, no Partido Galeguista. Desde o seu escano nas Cortes de 1931 defenderá a fórmula federal para o Estado e a confesionalidade do mesmo. Claramente Otero foi máis un intelectual que nun momento da súa vida debeu de asumir tamén un compromiso político organizado ca un político vocacional. O principal da súa obra literaria foi escrito entre a segunda metade da década dos vinte e a primeira dos trinta. Do autor, que xa pasaba dos corenta anos, pódese dicir que se achega á literatura galega iniciando a súa plena madurez. A pouco de estoura-la Guerra Civil é deposto da súa cátedra do instituto de Ourense. Gracias á súa bastante desafogada situación económica casa de seu en Ourense e Pazo en Trasalba con terras arrendadas a caseiros- e a non ter detrás unha familia que manter non ten fillos, serán logo só a súa nai, a súa muller e el- pode permitirse unha retirada ó seu Pazo que se converitirá nun refuxio do exilio interior, e convírtese el mesmo nun símbolo vivo da resitencia cultural ante o totalitarismo franquista, recibindo o alcume de "Patriarca das Letras Galegas". Como tal visita América en 1947 nunha viaxe que supón o reencontro do galeguismo exiliado en Bos Aires co galeguismo resistente do interior. Otero que sempre se negou a solicitar o reingreso no corpo de Catedráticos de Bacharelato pois era consciente de que nunca solicitara a súa baixa- opositou en 1950 á Cátedra de Xeografia da Universidade de Santiago e cesou oito anos despois ó se xubilar. Nese mesmo ano 1950 pasará a ser Director da Editorial Galaxia, transmutación do galeguismo político da preguerra adaptándose ás posibilidades de traballo, estrictametne culturais outra forma de actividade política, aínda que indirecta- neses anos da longa noite franquista. En 1959 volve viaxar de novo a Bos Aires onde é acollido polo galeguismo bonaerense coa máxima das calores humanas e amosado á intelectualidade arxentina como expoñente da Galicia consciente de si mesma. Pola galería do seu Pazo de Trasalba ou pola camilla da súa casa da Rúa da Paz en Ourense pasarán nos anos seguintes novas promocións de persoas interesadas pola cultura da Terra. Otero, ata a súa morte en 1976, terá sempre unha verba ilusionada e optimista e un compromiso de permanente colaboración con canta inciativa permita desenvolver a idea dun futuro mellor e distinto para Galicia. (Nas fotos, Casa de Trasalba, retratos, e enterro).
  • Foto de José Ángel Valente
  • Foto de José Ángel Valente
José Ángel Valente naceu en Ourense en 1929 e morreu en Xenebra en 2000 e as súas cinzas repousan no se amado Cemiterio de Ourense, onda as do seu fillo, morto en Oxford uns anos antes ca el. Sen dúbida, Valente é un dos máis importantes escritores da literatura española do século XX , tanto polo seu enorme traballo creativo no mundo da poesía en castelán, con ocasionais incursión no galego- como na reflexión intelectual por medio do seu ensaio sempre esixente e aberto. Foi prolífico autor que comeza adolescente na revista Posío Artes e Letras, antes de emprender camiños que o levan fóra da cidade natal coa que sempre mantivo unha relación especial de amor odio. Levou os principais premios de poesía de España (Adonais, 1954; Crítica, 1960 e 1980; Príncipe de Asturias, 1988; Nacional de Poesía, 1993 e 2001, Reina Sofía, 1998). As súas principais obras son: A modo de esperanza, Madrid, Adonais, 1955 (Premio Adonais 1954). Poemas a Lázaro, Madrid, Índice, 1960 (Premio da Crítica catalana 1960). Sobre el lugar del canto, Barcelona, Colliure, 1963. La memoria y los signos, Madrid, Revista de Occidente, 1966. Siete representaciones, Barcelona, El Bardo, 1967. Breve son, Barcelona, El Bardo, 1968. El inocente, México, Joaquín Mortiz, 1970. Presentación y memorial para un monumento, Madrid, Poesía para Todos, 1970. Punto cero, Barcelona, Barral, 1972 (Poesías completas). Interior con figuras, Barcelona, Ocnos-Barral, 1976. Material memoria, Barcelona, La Gaya Ciencia, 1979. Estancias, Madrid, Entregas de la Ventura, 1980. Tres lecciones de tinieblas, Barcelona, La Gaya Ciencia, 1980 (Premio da Crítica). Sete cántigas de alén, A Coruña, Ediciós do Castro. Colección: Narrativa 1981 (poesía en gallego, ampliada logo co título Cántigas de alén, 1989). El fin de la edad de plata 1973 Mandorla, Madrid, Cátedra, 1982. Nueve enunciaciones, Málaga, Begar, 1982. El fulgor, Madrid, Cátedra, 1984. Al dios del lugar, Barcelona, Tusquets, 1989. Treinta y siete fragmentos, Barcelona, Ambit Serveis, 1989. No amanece el cantor, Barcelona, Tusquets, 1992. Fragmentos de un libro futuro, Barcelona, Círculo de Lectores, 2000 (Premio Nacional de Literatura). Hibakusha. Ediciones Jábega 1997. Palais de Justice, Galaxia Gutenberg, 2014.
  • Foto de José Fernández Vide
  • Foto de José Fernández Vide
O mestre Vide, como foi coñecido este músico ourensán, naceu en 1893 en morreu en 1981 na cidade das Burgas. Desde moi novo interesado pola música, foi neno do coro da catedral e alumno dos mestres que ao redor dela se movían en órgano, armonía, piano, violín. Exerceu como profesor de música da Escola Normal de Maxisterio e do Instituto Otero Pedrayo ata a súa xubilación. Antes, de acabalo entre os anos vinte e trinta, viviu unha longa temporada en Cuba, como docente da academia de Belas Artes do Centro Gallego,onde estreou diversas zarzuelas de temática galegas.Dirixiu logo en Ourense, o Orfeón Unión Orensana para o que escribe unha boa parte das súas obras corais. Foi personaxe moi apreciado na cidade.
  • Foto de Homenxe aos fusilados na Guerra Civil
  • Foto de Homenxe aos fusilados na Guerra Civil
Como homenaxe aos 170 republicanos fusilados nos tempos da Guerra Civil (1936-39) a asociación de Amigos da República de Ourense, instalou un conxunto escultórico de lembranza onde realiza anualmente, o día 14 de abril un acto na súa memoria.
  • Foto de Antonio Ales Reinlein
  • Foto de Antonio Ales Reinlein
Marqués de Alta Gracias, naceu en Madrid en 1905, estudou arquitectura e estableceuse en Ourense, onde ocupou diversos cargos. Entre 1959 e 1970 foi Presidente da Deputación, presidente do Consello de Administración da Caixa de Aforros Provincial de Ourense, procurador en Cortes. O edificio máis emblemático da súa carreira como arquitecto é, sen dúbida, a Torre de Ourense, deseñada en 1961 e rematada a mediados da década dos sesenta. Recibiu a Gran Cruz de la Orden del Mérito civil en 1970.
  • Foto de Luís Trabazo
  • Foto de Luís Trabazo
  • Foto de Florentino López Cuevillas
  • Foto de Florentino López Cuevillas
Florentino López Alonso-Cuevillas, o iniciador da prehistoria e arqueoloxía contemporáneas en Galicia, nos tempos do Seminario de Estudos Galegos e a Xeración Nós, da que formou parte, naceu en Ourense en 1886. Estudou o Bacharelato na súa cidade natal, Farmacia en Santiago e, sen rematar, filosofía e Letras en Madrid, foi funcionario da Delegación de Facenda de Ourense durante toda a súa vida. Compatibilizou esta actividade vital coa de estudoso da prehistoria, arqueoloxía e etnografía modernas, se ben, nos seus inicios, as súas preocupacións irían máis na liña da historia contemporána, como observamos, por exemplo, no seu artigo "Dos nosos tempos" (1920) primiera síntese da toma de posición dos membros da grupo Nós, "os inadaptados" que lles chamaría Vicente Risco, publicada nos primeiros números da revista. Catro anos máis tarde, o ourensán sumouse a un novo proxecto, o Seminario de Estudos Galegos, que xurdira un ano antes. Nesta institución Cuevillas fíxose cargo, como director, da sección de Prehistoria, fornecéndoa de valiosísimas investigacións até a sublevación militar de 1936, que paralizaría toda a actividade galeguista. Tras a guerra o ourensán continuou a publicar os resultados de diferentes pesquisas sobre a nosa prehistoria (La civilización céltica en Galicia, de 1953, unha actualización de "A Edade do Ferro na Galiza"), aínda que unha doenza dificultaría en grande medida a realización de excavacións. Dedicouse especialmente á análise da cultura castrexa a partir dos restos arqueolóxicos e dos documentos de historiadores e xeógrafos grecolatinos. En contraste co talante predominantemente creador dos seus compañeiros de xeración, Cuevillas distinguiuse por unha produción eminentemente científica. Porén, o seu cultivo da prosa e do ensaio literarios sitúano entre os protagonistas do desenvolvimento das letras galegas. Baixo o título de Prosas galegas a Editorial Galaxia compilaría postumamente (1962) un conxunto de textos literarios, ensaios de carácter científico e divulgativo, textos arqueolóxicos e semblanzas de escritores redixidos polo autor. Cuevillas faleceu en Ourense en 1958, dous anos despois de se retirar. Considerado o pai dos estudos prehistóricos de Galiza, foi da súa autoría o apartado de "Prehistoria" da Historia de Galiza (1973), dirixida por Otero Pedrayo.
  • Foto de Valentín Lamas Carbajal
Valentín Lamas Carvajal é un dos autores máis significativos do Rexurdimento, xunto con Rosalía, Curros e Pondal. Destacou na narrativa popular co "Catecismo do labrego" e no xornalismo con "O Tío Marcos da Portela", xornal que el mesmo fundou e que foi o primeiro redactado integramente en galego, e cunha poesía simple, moi do gusto popular e, ao tempo, contribuiu aos incios da prosa narrativa urbana cun mangado de relatos como "Os graxos da Burga" ou "Xan Brencellao". Naceu en Ourense o 1 de novembro de 1849 onde estudou o bacharelato e logo foi a Compostela a facer medicina, pero unha enfermidade que lle provocou cegueira, impediuno. Amalia Rosina Sánchez, con quen casará en 1874 será clave na súa vida ao servir de ollos interpostos no contacto co mundo e permitirlle así desenvolver unha intensa vida no mundo do xornalismo e da escrita. A andaina literaria do autor comezou con diversas achegas poéticas, como o libro de poemas Espiñas, follas e frores (Ramiño primeiro), de 1875 que ampliaría co "ramiño segundo" ao ano seguinte. En 1875 viu tamén a luz Dez cartas aos gallegos. Cinco anos máis tarde sería a quenda de Saudades gallegas, que suporía a consagración de Lamas como escritor e a súa consolidación como o mellor continuador de Rosalía. O seu último libro de poesía foi A musa das aldeas, publicado en 1890. Como prosista publicou, en 1887, Gallegada, Tradiciós, Costumes, Tipos e Contos da Terriña: 19 narracións que amosan a vontade populista e comprometida coa defensa dos labregos por parte de Lamas. Dous anos máis tarde publicouse Catecismo do labrego, a obra máis popular da nosa literatura durante longos anos. O volume parodia un catecismo relixioso por medio dun labrego retranqueiro, ao mesmo tempo que denuncia as condicións de penuria económica e social da clase labrega. Trece edicións do libro saíron do prelo en vida do autor, situándoo moi lonxe de calquera outra obra da súa época. Finado o 4 de setembro de 1906 en Ourense. O sepulcro é do arquitecto ourensán, Vázquez Gulias.
  • Foto de Ramón Pedrayo Silva
  • Foto de Ramón Pedrayo Silva
Ramón María Pedrayo Silva, avó de Ramón Otero Pedrayo, naceu e viviu en Ourense, entre 1922 e 1899, foi avogado e político. De familia liberal e fidalga, fillo de Bernardo Pedrayo Andelo e neto do xa avogado Salvador Silva, tivo o despacho no Espolón da Praza Maior. Concelleiro durante moitos anos, foi alcalde de Ourense en 1854. Na Restauración militou no Partido Conservador e foi presidente da Deputación de Ourense en 1885. Presidiu a Academia de Xurisprudencia e decano do Colexio de avogados de Ourense. Tamén está enterrada aquí, dona Antonia Ansoar, avoa de Otero, e outros membros da rama paterna do escritor ourensán.
  • Foto de Familia Malingre
  • Foto de Familia Malingre
  • Foto de Familia Malingre
  • Foto de Familia Malingre
Manuel Malingre Parmantier, industrial belga, asentouse en Ourense ao redor de 1864.Desde esta data impulsa o negocio da función no que conseguen el e os seus descendentes, converterse nun referente imprenscindible da historia da metalurxia ourensán. Ao pai, con fábrica en varios lugares (Reza, Santo Domingo, San Lázaro) seguirano os fillos Manuel e Antonio Malingre Ludeña que instalarán a fins do XIX unha fundición no barrio do Couto. Os netos do fundador, Manuel y Arturo Malingre Lamas-Carvajal seguirán coa mesma ata que pecha as súas portas en 1979. Unha boa parte do mobiliario urbano de Ourense, público e privado -inclúidas moitas cruces e figuras deste cemiterio-, e mesmo utensilios de conciña, gardan memoria desta intensa actividade.
  • Foto de Pura e Dora Vázquez
  • Foto de Pura e Dora Vázquez
  • Foto de Pura e Dora Vázquez
  • Foto de Pura e Dora Vázquez
As irmás Pura (1918-2006) e Dora (1913-2010) Vázquez foron dúas escritoras galegas en lingua galega e castelá, mestras, que estiveron moi unidas ao longo da súa vida. Pura Vázquez, emigrou nos anos cincuenta a Caracas, despois de estar xa en contacto cos iniciadores da recuperación da escrita en galego despois da guerra. Publicou Pura, en galego: Íntimas (1952), Maturidade (1955), A saudade e outros poemas (1963), manuel (1971), Oriolos Nereiros (1974), Monicreques (1974), Ronseles (1980), Versos para os nenos da aldea (1968), Segundo Pereira (1978), Viaxe ao país dos contos e da poesía (1985), Antoloxía (1991), Verbas na edra do vento (1992), Zodíaco, Opúsculo (1992), Man que escribiu no mar (1993), Se digo Ourense (1994), Ardente identidade (1993), A carón de min (1994), A idade dos mansíos me dobrega (1995), Orballa en tempo lento (1995) y Desmemoriado río (1997). En casteláno publicou tamén máis dunha ducia de libros, tanto en España como en Venezuela.
  • Foto de Juan Manuel Paz Novoa; Anselmo López Morais
  • Foto de Juan Manuel Paz Novoa; Anselmo López Morais
  • Foto de Juan Manuel Paz Novoa; Anselmo López Morais
  • Foto de Juan Manuel Paz Novoa; Anselmo López Morais
Juan Manuel Paz Novoa, Ourense 1839-1895, foi un avogado e político progresita, promotor dunha lei de redención de foros, defensor de Curros Enríquez no proceso desenvolvido na Coruña. Militou no Partido Republicano Federal, formou parte da Xunta revolucionaria de Ourense en 1868, e foi capitán da Milicia Fuerza Ciudadana. Foi deputado (1873-1874) e gobernador civil de Pontevedra (1893). Foi o máximo inspirador da Lei de Redención de Foros de 1873 e participou na confección do Código civil como representante de Galicia. Anselmo López Morais, (Ourense, 1924-2009) foi un avogado e intelectual ourensán, apaixonado da arte e da historia, presidente do Ateneo de Ourense entre 1984 e a súa morte, e Cronista oficial da cidade. Habitual colaborador da prensa en cuestións de historia e arte, publicou diversas libros en relación co patrimonio e cos museos de Galicia.

3 comentarios

  • Monxardín 23-may-2015

    Estatua na Alameda de Arriba. https://es.wikiloc.com/rutas-outdoor/personaxes-no-cemiterio-de-san-francisco-de-ourense-8811615#wp-8517285/photo-5240114

  • Monxardín 23-may-2015

    O día do enterro. Fala Xesús Alonso Montero.
    https://es.wikiloc.com/rutas-outdoor/personaxes-no-cemiterio-de-san-francisco-de-ourense-8811615#wp-8517285/photo-5234711

  • Monxardín 23-may-2015

    Todos os anos, o Pen Clube e outras institucións organizan o 1 de decembro un acto de lembranza. Luís González Tosar no uso da palabra. https://es.wikiloc.com/rutas-outdoor/personaxes-no-cemiterio-de-san-francisco-de-ourense-8811615#wp-8517285/photo-4992511

Si quieres, puedes a esta ruta