A Mariña Lucense

A Mariña Lucense

250

O xeodestino Mariña Lucense abrangue os concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove.
Mar e montañas, ríos e rías, prados e praias.
Na Mariña Lucense os bosques confúndense co mar. É a Galicia Verde que se asoma ao Cantábrico. Preto de 100 km de costa zarrapicada de marabillas naturais. Da paisaxe recolecta da ría do Barqueiro á grandiosidade da praia das Catedrais, un monumento natural escavado polo mar cunha dimensión sobrenatural. Do esteiro do río Sor, paraíso de peixes e aves acuáticas, ao esteiro do Eo, Reserva da Biosfera. Pero ademais, Foz, Viveiro e Ribadeo, portos que conservan a pegada dun pasado señorial. En Cervo, Sargadelos, unha das cerámicas máis emblemática de Galicia.
E no interior da Mariña Lucense, dous tesouros ocultos. Un é a Serra do Xistral, aveseda e misteriosa, terra de turbeiras e cabalos salvaxes. O outro é Mondoñedo, no Camiño de Santiago (o do Norte), antiga sé episcopal cunha fermosa catedral do século XIII.

Miembro desde enero 2017