Turismo de Teo

Turismo de Teo

Limítrofe coa capital de Galicia, Teo é tamén un importante enclave xacobeo do Camiño Portugués. Atesoura un importantísimo patrimonio arqueolóxico con importantes xacementos prehistóricos desde o Neolítico ata a Idade de Ferro. Destacan a necrópole megalítica do monte Piquiño, formada por máis de 30 túmulos, os numerosos petróglifos situados nas parroquias de Luou e Calo, tres deles declarados BICs, e os sete castros repartidos por todo o municipio. As igrexas románicas de Lampai e Reis, o cruceiro gótico de Francos (un dos máis antigos de Galicia) ou as pontes medievais de Caxade, Paradela e Pontevea son referentes do patrimonio artístico teense. En Bamonde, a casa reitoral ocupa un lugar destacadísimo na historia de Teo e de Galicia mesma. Alí durmiu, a noite do 22 de Abril de 1846, o Xeneral La Concha, antes de iniciar, ó día seguinte, a batalla. Non podemos esquecer os valores ecolóxicos e paisaxísticos dos miradoiros da Grela e A Pena Escorredía, así como os espazos naturais da conca do Ulla, integrada na Rede Natura 2000, zonas tan singulares como A Burga de Xermeade ou o Coto de Pesca de Couso–Xirimbao, ideais para todos os amantes da natureza e dos deportes de aventura.

Miembro desde julio 2020