• Foto de Ruta do Solpor de Europa, desde Muxia hasta Playa Nemiña
  • Foto de Ruta do Solpor de Europa, desde Muxia hasta Playa Nemiña
  • Foto de Pedra da Ferida

Dificultad técnica   Moderado

Coordenadas 756

Fecha de subida 10 de marzo de 2015

-
-
238 m
2 m
0
7,4
15
29,56 km

Vista 1975 veces, descargada 18 veces

cerca de Mugia, Galicia (España)

De Muxía a Nemiña: a costa occidental

Saíndo da vila de Muxía encontramos a praia de Lourido. Ten forma de cuncha, con areas limpas e brancas. A area sobe monte arriba, formando dunas que a vexetación colonizou. No alto hai un castro e, agora, algún veciño loita para que medren algúns cultivos.
O lugar de Lourido conserva aínda a fisionomía das vellas aldeas, coas súas casas labregas e os seus hórreos de pedra e ruda imaxe. Desde aquí temos unha boa vista sobre a vila de Muxía e a ría de Camariñas, coa inconfundible silueta do faro Vilán de pano de fondo. Desde aquí Muxía aparece brandamente deitada no medio da ribeira, como dixera o poeta Gonzalo López Abente.
Á saída de Lourido encontramos unha fonte de fresca auga. Ao seu carón sae un camiño que nos leva até o cume do monte Facho. O nome “facho” vénlle de que aquí estaría un dos fachos ou lumes que se facían antes da chegada dos modernos faros para orientar aos barcos.
Paga a pena subir ao monte Facho. Desde o seu cume temos unha ampla visión de toda esta costa, desde os pardos montes de Traba ao norte até a crista do monte Pindo ao sur. Entón veremos unha liña de costa interrompida por promontorios e formada por altos cantís. Neste tramo os montes forman unha liña en paralelo á costa e caen directamente sobre ela. Son montes que superan en varios puntos os 200m, chegando aos 300, caso do monte Facho. Ao contactar co océano forman altos cantís, como podemos ver na coñecida como rebeira de Viseo, onde caen verticalmente no mar desde alturas de máis de 200m. A visión deste tramo de costa tería axudado a crear a imaxe desde fóra de que Galicia é un país montañoso.
Pasando Lourido chegamos ao Cachelmo, onde a paisaxe volve abrirse. O monte Cachelmo, recoñecible de lonxe polas súas descarnadas laxes, acubilla nas súas negras entrañas unha das furnas máis grandes de toda esta costa: a furna da Buserana. Unha furna é unha cavidade feita pola erosión do mar sobre unha superficie máis débil do monte.
Nesta furna situou o poeta muxián Gonzalo López Abente unha lenda. Buserán era un trobador que namorou da filla do señor do castelo desta terra. Este, descontento coa relación, mandou tirar ao trobador ao mar. Ante a desaparición de Buserán, a namorada vagaba pola costa na súa procura até que un día este saíu do fondo do mar cabalgando sobre un tombo e marchou con ela para as súas profundidades. Desde entón dise que se escoita o seu canto saír da profundidade da furna. Podemos achegarnos á furna por un carreiro que vai ao carón do mar desde a praia de Lourido. Convén lembrar o perigo de asomarse para ver a súa entrada.
Entre o Cachelo e a punta da Buitra un pequeno paréntese de suavidade: a praia de Arnela. Arnela é nome vello para praia.
A Buitra é un promontorio de mediana altura que se mete no mar, un espazo agreste e abrupto. Non ten a denominación de cabo, e nalgún derrotero histórico dise que “algunos le llaman cabo”, pero é o cabo que protexe un pouco a Muxía polo sur, por iso din “que ronque a Buitra!”. Indo cara a súa punta temos a visión máis completa da impoñente entrada á furna da Buserana. A Buitra ten sona polos seus percebes. Toda esta costa ten sona de percebeira e está marcada polos camiños que andan os homes e mulleres que arriscan a vida para coller tan prezado manxar.
No lado contrario ao que mira a Muxía está a pequena e solitaria aldea de Cuño. Ao final do estreito terreo no que se asenta está o seu coído. Un coído é unha especie de praia formada por amontoamento de pedras rodadas polo mar e alí onde este ten moita enerxía. Polo seu interese xeolóxico e natural o coído de Cuño está considerado un Punto de Interese Xeolóxico.
En Cuño comeza a Ribeira de Viseo, unha costa de altos cantís. Polo interior pequenas e históricas aldeas que falan do habitar desde tempos: Cuño, Figueiroa, Martineto. Aldeas resistindo á soedade e ás inclemencias da xeografía. Habitar de resistencia para crear paisaxe. Antes estes montes estaban cheos de cabalos pastando libremente, será por iso que nalgunhas descricións se denomina a estes montes como “Monte de las Yeguas”. Indo cara ao interior: Viseo, xa en terras máis abertas. Ramón Otero Pedrayo dinos que desde a Buitra a Nemiña “o litoral é un conxunto de lombos e chairas outas sobre o mar, que a penas enceta a pendedía”.
Desde Viseo podemos desprazarnos cara a Morquintián. Este lugar asentouse na ladeira do monte Faro. No nivel máis baixo está a súa pequena igrexa románica de finais do séc. XII ou comezos do XIII, aínda que no XX tivo unha ampla reforma que afectou profundamente á fábrica románica. Chama a atención a súa porta principal cun arco de medio punto, pero sobre todo os canzorros, especialmente os do lado norte, onde se representan varias figuras humanas, como un músico e un acróbata, xunto a figuras de animais. A súa torre campanario está considerada como unha das poucas de orixe románico existentes en Galicia.
No medio das agras, e poboado de cativos carballos, hai un castro.
Touriñán é o cabo máis occidental do territorio español, o último lugar onde se pon o sol nesta terra occidental. O poeta muxián Gonzalo López Abente definiuno como “índice oucidental forte e barudo, / dedo máis longo da galega man”. Está formado por un promontorio de baixa altura que se entra no mar. No Derrotero de 1867 dise que semella unha embarcación sen paus. E o poeta dixo que “semella co seu lombo seco e pardo / no medio da solemne soedade”, pero tamén “un inspirado e fabuloso bardo”. A xente non fala aquí do cabo, senón da Insua. Até hai pouco podíamos ver vacas, ovellas e cabalos pastando libremente. Este promontorio ten no seu extremo un illote, no que hai restos arqueolóxicos. O illote ten o nome de Herboso ou Castelo. Mar adentro, a famosa laxe de Touriñán, un baixo contra o que foron bater moitos barcos.
Touriñán é un espazo natural único, unha terra azoutada polo vento e salpicada polo salitre mariño. Habitar Touriñán é unha resistencia humana ante unha natureza adversa.
No extremo deste cabo ergueuse un faro a finais do séc. XIX (1898) e en 1981 foi substituído por unha moderna torre que se construíu ao seu carón. Este faro veu substituír a un facho que estaba no alto do monte. Un dos primeiros torreiros en Touriñán, de apelido Benlloch e orixinario da comunidade Valenciá, deixou e estendeu por esta terra este apelido tan catalán e agora tamén da Costa da Morte.
Touriñán é unha pequena parroquia formada por tres lugares: Touriñán, Moreira e Campos. Este, con só dúas casas, forma o lugar máis occidental do territorio español. Moreira está nun estreito val ao abrigo, onde tamén está a igrexa parroquial de esvelta torre. Xunto a esta as ruínas da casa reitoral, cun relevo da lúa e sol na súa fachada. Ao final do estreito val unha pequena praia, cunha metade coído, e onde se perde o regato que desemboca na praia, a outra metade é de fina area.
Touriñán aparece citado nun documento do séc. X cando o bispo san Rosendo dota a súa fundación de Celanova cuns bens situados “… in Nemancos insula Touriniana”. E esta tamén unha das primeiras referencias documentais á Terra de Nemancos.
De Touriñán imos cara a Nemiña por un camiño ao carón do mar. Nemiña é unha pequena parroquia que mira cara ao sur, cara a Fisterra. A súa pequena ría tivo importancia na historia da navegación, pois era un lugar de recalada despois de pasar o cabo Fisterra e antes de encarar o paso do de Touriñán. A pequena ría ofrecía bo abrigo aos barcos nesta costa difícil. Desde o mar era identificada polo monte de area que sube desde a súa praia e chega aos 200m. Hoxe a praia de Nemiña é concorrida polos surfistas.
Nemiña ten a igrexa románica máis occidental, a que recibe os últimos raios do sol antes de que este se afunda na inmensidade do océano. A pequena igrexa é de comezos do XIII. Nemiña tamén ten sona porque até aquí viña, desde Ponteceso, o poeta Eduardo Pondal a estudar. Grazas a esta estadía son moitos os topónimos muxiás que aparecen na poesía do bardo Pondal.

Ver más external

Comentarios

    Si quieres, puedes o esta ruta